10 de novembro de 2024
Dende o pasado 5 de novembro atópome traducindo "Clock Tower", un xogo de terror da SNES.
Xa pasou un tempo, a finais de setembro, dende a miña última tradución, e o certo é que dende entón non estiven enfocado en ningún proxecto en concreto. De feito, comecei a tradución doutros dous xogos, dos que deixarei rexistro na páxina "Títulos que teño en mente traducir":
• The 7th Saga, para SNES, dende o pasado 15 de outubro; deixeino en hiatus por descoñecer onde se atopan os punteiros para redimensiona-lo tamaño das frases.
• Pokémon Edición Cristal, para GBC, dende o pasado 22 de outubro; tomeime un descanso porque, aínda que comecei bastante motivado, traduci-la Pokédex completa (251 entradas) deixoume algo baldado.
Non sei cando se me ocorreu comeza-la tradución de Clock Tower, porque tampouco é un xogo que lle adicara demasiada atención no seu momento cando o descubrín, pero durante a tradución de Cristal ocorríuseme botarlle un ollo á ROM e vin que tampouco era demasiado texto, e que os punteiros atopábanse preto e eran de doada interpretación e modificación, de modo que troquei a este proxecto para descansar de tanto Pokémon... e aquí estou.
O xogo tampouco é que permita moitos trocos; existen textos e pantallas que (en principio) non son posibles traducir:
• A pantalla de título "CLOCK TOWER": non se pode engadir, trocar nin quitar nada dela; xa para comezar os gráficos das letras atópanse comprimidos e non se poden trocar, e as letras mesmas están codificadas dalgunha maneira que non se pode rastrexa-la súa orixe; o mesmo as letras en xaponés, aí teñen que quedar.
Tampouco é moita perda: como moito podería troca-lo título por "O RELOXO" (tería que troca-lo "K" polo "X"), "A TORRE" (engadi-lo "A") ou calquera reinterpretación creativa... mais acho que o título orixinal ten forza dabndo de seu. Somentes quédame a cousa de non poder engadi-lo "GZ" no título.
• Pantalla de menú: Xusto despois da pantalla de título; a súa codificación non debería ser complicada, xa que o que ten de diferente é cargar somentes certas letras do alfabeto e crea-los menú a partir delas; pero mesmo sabendo isto (e tendo trocado letras do alfabeto para ver como afectaban ó menú) non son quen de atopa-las opcións do menú na ROM; este é outro problema que afecta a tódalas traducións que coñezo, mais si que me molesta porque non debería ser nada difícil reprogramalo, mesmo se as palabras atópanse en amálgama...
• Créditos: Aínda non o comprobei, mais en tódalas traducións que comprobei ninguén se molestou en traduci-los créditos; non sei se é por vagancia ou que mais é outro apartado que me toca os nefres deixalo como está.
Polo demais, a tradución non é complicada; o xogo é non-linear, así que non tardei en face-la tradución directamente na ROM sen ila cotexando a como se ve en pantalla, e unha vez a remate si botarlle un par de partidas para ver como queda.
Unha licenza que me estou permitindo é traduci-los nomes ó galego; así, quedarían:
• Jennifer -- Xenevra
• Mary Barrows -- Míriam Mámoa
• Bobby Barrows -- "Róber" Mámoa
• Ann -- Ana
• Lotte -- Carla
Aínda quedaríame o apelido "Simpson" de Xenevra e mailo seu pai, xa lle adicarei pensamento.
Neste senso, algo que estiven considerando foi o apelido da familia "Barrows"; en troques de usar "Mámoa" (que non é un apelido real, mais unha tradución aproximada do apelido orixinal) considerei empregar "Romasanta", apelido do "Lobishome de Allariz" e primeiro asasino en serie galego... por contra, xorden varios problemas:
• O principal: "Romasanta" é unha palabra moi longa, e non sempre hai espazo dispoñible ós arredores para redirecciona-los punteiros.
• Podería probar con "Blanco", primeiro apelido deste home e de tamaño axeitado, mais non só é un apelido demasiado común senon que dá unha sensación contraria á que se procura para un asasino de videoxogo.
• "Manuel" tampouco é un nome demasiado aterrador para un asasino de videoxogo; podería mante-lo "Róber" de "Bobby", mais entón para que pór "Romasanta"?
Así pois, deixarei "Mámoa" durante esta fase da tradución, e xa verei se trocalo nun futuro.
Acho que isto é todo; se atopo algunha cousa de interese que comentar exporeina aquí, mais como digo non creo que sexa o caso, de modo que esta páxina só quedará como un rexistro histórico do proxecto.
Un saúdo.
20 de novembro de 2024
En principio o xogo xa está traducido, alomenos todo o traducible que podo facer.
Existen, porén, varias pantallas e menús que non acado traducir; e non porque eu dea menos que outros, senon porque son pantallas e menús que o xogo orixinal ten programadas de maneira "non ortodoxa" de seu, e por tanto non son "normalmente" traducidas nos parches doutros idiomas.
Estas pantallas son:
♠ A pantalla do menú inicial (START GAME, QUICK START, CONTINUE, etc), incluíndo o submenú de "ENDING LIST"
♠ A pantalla de derrota cando morres, que debuxa "DEAD END" en letras vermellas.
♠ Os créditos do xogo, que aparecen en inglés.
Como digo, na maioría de parches de tradución que estudei (castellano, portugués, italiano, francés, turco e coreano) estas pantallas preséntanse en inglés, e eu mesmo nas miñas pescudas non ortodoxas, aínda que deduxen algunha forma de trocar letras puntuais, tampouco din atopado como traducilas.
Tamén dixen que estas pantallas non se traducen "normalmente"; porque a versión chinesa si que traduce, alomenos, os menús... o problema é que eu de chinés non teño idea ningunha, e moito menos le-lo propio parche que é grande como Asia, de modo que aínda que teño evidencia de que é posible non me vexo capaz de dalo feito.
Nos vindeiros días subirei o parche; o certo é que tampouco estou demasiado activo nesto, xa que teño outros temas que requiren máis a miña atención.
Un saúdo.
21 de novembro de 2024
Acabo de atopar unha versión da tradución francesa aquí que si que ten traducidos, alomenos, os menús do inicio:
Polo que teño investigado o "DEAD END" segue sen traducir, e os créditos do xogo tampouco están trocados... botareille un ollo ó parche para, alomenos, ver como acadaron a tradución do menú principal.
Un saúdo.
23 de novembro de 2024
Após un par de días fedellando co parche francés (o que significa ir borrando código e vendo se o xogo escacha ou mantense estable, e de ser así cantos cortes lle podo facer até minimiza-lo código preciso), logrei resolver como troca-lo menú:
• En $0032e1, trocar os hexadecimais "24 80 81" por "f0 0d f0"
• En $2fa2b8, trocar os hexadecimais "24 90 fc" por "00 f0 f0"
• De $31f000 en adiante, aproveitando que é un espazo baleiro, establece-lo novo menú.
Con estes novos trocos obtiven este resultado:
É preciso sinalar que en $3017bb tiven que troca-las letras que se poden usar nesta pantalla; non sei por que se codificou desta maneira, pero así é.
En relación co anterior, apetéceme sinalar que tiven que deixar de lado engadi-lo "U" por falta de espazo; porén, podemos le-lo "U" empregado en "CONTINUAR", como é posible? Doado, xa que cada letra está composta por dúas partes (superior e inferior), e puiden crear ese "U" artificial coa parte superior do "H" (letra que se emprega na lista de finais, accesible dende "FINAIS") e a parte inferior do "O". Truquis, hehe.
Desta maneira logrei acadar un dos tres trocos que semellaban imposibles, quedando só os créditos do xogo e o "DEAD END" cando morres. É moito mais do que agardaba acadar, hai que dicilo.
Sacarei o parche 1.0 esta fin de semana.
Un saúdo.
18:00
Esta tarde estiven facendo unha comprobación en consola real SNES PAL da xogabilidade (se funciona, se dá erros inesperados, se os trocos feitos son os agardados, etc), en concreto segui-la vía do final H (o pior dos finais pero o máis rápido, que é escapar co coche da mansión) e ver se o xogo reiniciábase correctamente ó rematar, cando atopei isto:
Por pór en contexto, o parche de tradución engade de serie o parche "Clock Tower Deluxe 2.0" creado por Bobschneeder45, entre outras cousas porque engade trocos como correr cara os obxectos sinalados ou correr polas esqueiras, trocos que fan un xogo que xa é mooooi lento algo menos lento, e por tanto melloran a xogabilidade.
Así, teño a proba de que alomenos pódense engadir textos adicionais ós créditos; non estou seguro de que se poidan traduci-los créditos "vainilla" pero é un paso máis cerca de ter unha tradución máis completa.
Agora, non teño claro se debería ou non pospó-la publicación do parche 1.0 para este fin de semana, como dixen previamente, sabendo que podo melloralo máis pronto que tarde.
Farei un estudo do parche "CTD" entre hoxe e mañá e logo decidirei.
Un saúdo.
24 de nnovembro de 2024
Despois de estuda-lo parche Deluxe 2.0 conseguín acota-lo posible código de modificación dos créditos de 293KB a "só" 64KB, determinando máis ou menos as consecuencias de borra-lo resto de código restante (por exemplo, troca-lo valor que se atopa en $010679 modifica o tempo que os créditos están visibles)...
Porén, hai seccións que son tremendamente grandes (unha delas ocupa máis da metade do parche restante, e non teño claro que fai nin como se subdivide para non reventalo todo mentres aqueloutro sen saber que fago) e que a partir deste punto calquera avance será azaroso.
Isto, tendo en conta que o máis probable é que este troco só permita engadir novos créditos pero non modifica-los existentes (xa que non troca-los valores entre $2fa038 e $2fa03a fai que non apareza o crédito adicional do parche "Deluxe 2.0" sen reduci-lo tempo que os créditos permanecen en pantalla); isto é, o troco dos créditos só sería de certo para engadi-lo meu recoñecemento polo parche.
Por un lado penso que é un troco que pode agardar a un parche futuro, digamos "1.0a", e publica-la versión actual; por outro, é certo que un traballo levei e sempre está ben recibi-lo recoñecemento propio, como tamén é certo que non corre ningunha présa publicar un parche que considero "incompleto mais completable", só por unha cobiza propia de publicar algo canto antes millor.
Voume dar esta semana para atopa-la forma de engadi-la miña credencial nos créditos, e se non acado nada para antes de decembro (que xa está aí á beira) publicalo como está. Acho que o comprenderedes (os que esteades interesados neste intre, que moitas veces pregúntome que fago falando senlleiro).
Un saúdo.
30 de novembro de 2024
Ríndome.
Atopa-la lóxica nestes créditos é esgotador; trocar un único valor hexadecimal provoca trocos menores en varios lugares que desafían a miña lóxica, e aínda que globalmente podo atinxir senso neles éme imposible afinar nada.
Así, como quedei, publicarei o parche 1.0 sen troco algún nos créditos, agardando que nun futuro poida realizalos. Isto, porén, non impide que se poida desfrutar do resto do xogo con normalidad, xa que só se trata de engadi-a miña contribución nos créditos.
Como curiosidade, intentei contactar co autor do parche "Deluxe 2.0", Bobschneeder45, mais non ten conta en Romhacking.net, nin unha conta de correo dispoñible, o único que atopei foi unha conta de Twitter (mais eu xamais tiven unha e cando intentei crearme unha para poder entrar en contacto con el dábame erro e sacábame do proceso).
Agardo que a tradución sexa do voso agrado, e que a tradución estea á altura.
Calquera troco ou novidade que faga rexistrareina aquí. Paciencia.
Un saúdo.
Boas, por aquí un que si está interesado no teu traballo e aproveito para darche as grazas polo que estas a facer. No último mes ando a fedellar no retrobat engadindo roms a diferentes sistemas e na procura de traducións. Grazas a ti e outros tradutores podo ter roms en galego e non só en castelán ou inglés. Tamén decir que nos últimos días estou tentando aprender sobre edición de roms inspirado no que podo ler nesta páxina e nas doutros romhackers. Quen sabe se algún día podo aportar algo na pequena comunidade de romhacking galego. Un saúdo e de novo, moitas grazas polo teu traballo.
ResponderEliminarBoas, moitas grazas polas túas palabras! Non só teño folgos renovados, xa non me sinto tan senlleiro :D
EliminarAlédame que esteas interesado en aprenderes sobre edición de ROMs; pola miña parte non teño demasiados coñecementos informáticos e moitas veces síntome como un "artesán" mentres apicoo por aquí ou púo por alá sen estar demasiado seguro do que fago, a falta dunha metáfora mellor, hehe; agardo que teñas afouteza para acada-los teus obxectivos :)
Un saúdo, e grazas a ti de novo!