1 de abril de 2020

00) Presentación e orixes


 

    Ola,

    o meu nome é André Mena Calavia, máis coñecido no mundo do romhacking e os videoxogos coma RetGal ou Retro Galicia.

    Este blog está pensado para subir nel tódalas traducións que vaia facendo de distintos xogos ó noso idioma galego.

    Ata fai uns anos eu era un simple consumidor de videoxogos, sen estudo de informática ningún e coñecemento de ordenadores nivel usuario raspado, que sabía aplicar Lunar IPS para poder xogar traducións e pouco máis, e seguía ó youtuber SNES Drunk e as súas análises concisas de videoxogos pouco coñecidos ou que xamais chegaran a Europa para seguir saciando esa interese renovada pola vella SNES familiar.

    Foi nestas, en abril de 2020, que de súpeto atopeime sen traballo por mor do noso visitante nanométrico, encerrado involuntariamente no lar, con moito tempo libre e cun recentemente xogado Arcana para SNES que me deixou tolo de marabillado. Aínda que xoguei a versión orixinal en inglés (mesmo en consola) quedoume a cousa de facelo en castelán, aínda que a tradución que existía feita polo xenial Lukas faltáballe acentuación, e son moi "repunante" á hora de esixir calidade.

    Como digo, foi nestas que me atopei con tempo libre, cun proposito e moita afouteza que me lancei a facer unha tradución (ó castelán) de Arcana, acentuación incluída. Podedes ver como foi o proceso neste fío en Romhacking.net (en inglés), se estades interesados.

    Así é como comecei a mergullar de primeira mán na modificación de ROMs e a tradución de videoxogos, aprender de punteiros, tratar con bugs e demais cousas que emerxen desa sopa de letras hexadecimal.

   Non foi até 2021, despois de xoga-lo Zelda orixinal para NES por fin, que decatei da pobre oferta que había de traducións na nosa lingua, e nunha arroutada miña lancei a aporta-lo meu gran de area para corrixir esta falla.

    Tamén teño que engadir: aínda que fun nado e vivín case toda a miña vida en Galicia non son galegofalante estrito, comunico case sempre en castelán e estou rodeado dese idioma por todas partes. Nembargantes, amo o nosa lingua galega que aprendín como aprendín na escola (por iso, por exemplo, a miña insistencia no uso de guións para unir infinitivo e artigo determinado, pois así aprendín de cativo aínda que xa non sexa "a moda"), e quero facerlle xustiza introducíndoa neste mundo do que está bastante afastada, alomenos no referente a videoxogos retro.

    Levarei media ducia de xogos traducidos ó galego nestes anos (teño épocas con menos tempo libre e/ou afouteza para meterme a tratar código hex) que teño subido na web Romhacking.net (ligazón a todas elas aquí), mais a visibilidade semella ser reducida (si, é unha web grande á que acceden moitas persoas, pero ó mesmo tempo entran sen descanso novas traducións noutros idiomas que envían ó fondo o meu traballo). 

    É por iso, como dixen, que lanzo este blog para centraliza-las miñas traducións e sexa de acceso doado para quen saiba o que procura. Por agora só farei cos meus traballos en galego, pois é o idioma ó que quera dar visibilidade e tamén é no que fixen a case totalidade da miña produción.

    Agardo que sexa do voso agrado e, quen sabe, este aporte sexa a faísca que prenda nalguén e tamén anime a traducir estes xogos da nosa infancia e xuventude ó noso idioma galego.

    Un saúdo. 

(Este artigo foi escrito o 25 de marzo de 2024, coa apertura deste blog)

(A data do 1 de abril de 2020 desta publicación é referida como o día da publicación do fío sobre Arcana en Romhacking.net, que considero dá comezo á miña etapa como tradutor).

Ningún comentario:

Publicar un comentario